viernes, noviembre 24, 2017

De haikus, cancións e fotografías en blanco e negro



Ás veces, taño arrebatos de infancia, dunha morriña temporal que non teño moi claro por que aínda non aprendín a esquivar. E pecho os ollos e recordo a miña vida como unha desas películas de Superocho que nunca filmei. Supoño que será Novembro, que aínda provoca ese tipo de sensacións en min. E volvo a ler compulsivamente e a escribir haikus, escoito en bucle a banda sonora original da miña vida e publico fotos en redes sociais desa nena que xa non son, en Branco e Negro, precisamente, para recordarme que xa pasaron demasiados outonos, pero que, a pesar de todo, dentro de min, esa nena aínda respira. E non só iso. Esa nena xa non cala. Berra como adoitaba facelo ante as inxustizas e agora berra cando considera que estou traizoándoa. E eu, eu empezo a escoitala, por fin. Despois de tantos anos afogándoa. E escribo odas a esa infancia e adolescencia que construiu o que son, aínda que leve anos escondéndoo. Non, definitivamente, non todo tempo pasado foi necesariamente mellor, pero non hai como escoitar o pasado para revirar o teu presente e comezar a construír ese futuro que levas tantos anos aprazando. Xa non hai excusas, esa nena non te vai deixar renunciar aos teus anos. E, de repente, daste de conta de que levas máis dun ano aprendendo a xestionar as emocións. E descobres que, en realidade, estás aprendendo a facelo de verdade. Porque esa sensación que non sabes identificar é a felicidade, e a ela tamén hai que acostumarse.

No hay comentarios: