Unha morea de revistas, unha visita como moitas outras. Unha vida de recordos. Un día calquera volves ao lugar onde fuches feliz, onde empezaches a ser alguén, aínda que logo quedaras a medio camiño. Moito cambiou desde a primeira vez, pero moito cambiou tamén desde a última. Por unha banda, reflexionas sobre o paso do tempo, e sénteste maior do que xa te sentes nos últimos tempos, porque a maior parte dos que recordas xa non están. Por outra, notas que na maioría dos que permanecen deixaches un bo recordo. Non só como estudante, tamén como persoa. E podes ver certo orgullo nos ollos de quem a última vez case non puido conter as bágoas vendo como o teu futuro ennegrecía máis e máis. E un sorriso debúxase nos teus beizos sentindo como non es a única que sabe que estás a deixar de ser a imaxe viva do fracaso velado. Porque o mellor xeito de volver confiar en ti mesma é saber que persoas ás que admiras seguen a confiar en ti, porque en realidade nunca deixaron de facelo. E queres chorar, pero esta vez, de felicidade. Envólvente os recordos e parece que estás de novo trece anos atrás, mergullándote de cheo nun ambicioso proxecto no que cres firmemente: o Equipo de Normalización Lingüística, os contacontos, a Revista. "Nós, tamén". Ese primeiro número que tanto custou sacar. Esas primeiras ideas, reportaxes, poesías e entrevistas. Eses primeiros pasos niso de expresar por escrito todo o que che pasaba pola cachola. Tantos e tantos recordos; compañeiros, profesores, amigos... E de repente, volves á realidade. Os anos pasaron e xa nada é igual. Pero o espírito de "Nós, tamén" segue vivo. Nas súas follas, pero tamén nas perdoas que seguen ano tras ano loitando por que a ilusión coa que empezou non morra xamais. E descobres que ese mesmo espírito, ese que tiñas aos quince, todavía está dentro de ti. E cando che propoñen volver a escribir, volver a colaborar, compartir na revista a túa experiencia, non podes evitar aceptar. Tan só existe unha condición. Dar un enfoque optimista aos teus escritos, para que a xente nova que está no instituto non perda a esperanza, para que teñan ilusión, soños e desexos como os que ti tiveches. E iso, meus queridiños, é o maior dos retos que podo ter entre mans.
No hay comentarios:
Publicar un comentario